martes, 12 de noviembre de 2013

Catro Euros

Creo que é necesaria unha aclaración.

Aínda non vos contei porqué creei este blog. 

Todo comezou fai uns meses, cando redactei un par de anuncios e os publiquei en varias páxinas especializadas. Era sinxelo. Pedagoga e educadora social imparte clases particulares a rapaces de primaria e ESO. Ata ahí todo ben, estiven uns días sen recibir ningunha resposta cando unha mañá por fin sona o teléfono.

Era un pai, que me explicaba que necesitaba axuda particular para o seu neno. Tiña problemas de lectoescritura e atención. Non podía coa emoción! Qué alegría! Quedei con eles en que esa mesma tarde iría coñecer o rapaz e ver qué materiais estaba empregando na clase. 

Ó cabo dunhas horas volve a sonar o teléfono, e volvía ser o pai de antes. Esta vez o ton era diferente. Xa non importaba tanto os libros que empregara o rapaz nin o nivel de lectura que tivera, estaba despreocupado e na súa voz notaba desprezo. 

- Lo estuvimos pensando y sólo podemos pagar cuatro euros la hora. Estamos los dos en paro.

Paralizoume escoitar esas palabras. Que pensaba? Que eu o teño fácil? Estaba tan asombrada que lle dixen que o chamaba en cinco minutos, que o tiña que pensar. 

Tíveno que pensar. É así de triste. Despois de nove anos estudando, de experiencias profesionais moi diversas, de formarme como persoa e profesional da educación, de aprender valores e actitudes, de non renderme por moitas portas pechadas que atopara...

o meu tempo e traballo valía catro euros.

Sentíame impotente. 

Chamei a dúas compañeiras, que tamén se adican a dar clases particulares. Quedáronse sen aire, rompendo o silencio con expresións como: Incríble!, Imposible!, Indignante!. Non sabía qué facer, sentíame como se me tiraran toda unha piscina de auga conxelada por riba, pero sentínme respaldada polos seus consellos e palabras. Era hora de tomar decisións. 

Volvín a coller o teléfono sen que me deixaran de tremer as pernas, pero cunha voz moi firme. 

- Non vai poder ser (...) Eu tamén estou inchando as listas do paro, pero non podo acceder a cobrar menos da metade do mínimo que se esixe nestes casos (...) Sería unha inxustiza para o resto das familias e para min como profesional. Síntoo moito.

Colguei. 

Respirei. 

Acaso, cando ese pai ou esa nai van á carnicería pídenlle prezo ó carniceiro? Rebáixanlles algo na perruquería? Piden que lles baixen o prezo dalgunha prenda en Zara? Pero, pola contra, ofrecen catro euros a unha persoa para que guíe a educación do seu fillo. 

Eu tomei unha decisión: a de facerme ver, e denunciar este tipo de inxustizas que, por desgraza, enchen o ámbito educativo. Non todo vale. Non todo se acepta. Non me deixo minusvalorar. Non me deixo amedrentar. 

Quédome coas palabras de Ana:

Sara... qué valente!

No hay comentarios:

Publicar un comentario