miércoles, 27 de noviembre de 2013

martes, 26 de noviembre de 2013

martes, 19 de noviembre de 2013

O alumno e a importancia do contexto.

Caso 0001: 

Un alumno presenta graves problemas de concentración. Distráese na clase, parece non estar interesado, non participa, apenas fai esforzos por comunicarse cos compañeiros ou co profesor. O rendemento académico é deficiente. Parece triste e desganado. Ten dificultades para falar dos seus sentimentos e da súa situación persoal. Constantes cambios conductuais. Baixo control emocional. 

No ámbito educativo (formal e non formal) traballamos con persoas. Esta aclaración aparentemente simple encerra múltiples prismas. O ser humano é complexo, no seu interior se constrúen e derruban constantemente estratexias e formas de ver a vida. Estamos condicionados por todo o que nos rodea. De todo nos empapamos. A nai, o pai, os avós, os irmáns, os compañeiros de clase, os rapaces do barrio, os veciños, os profesores, etc. Bebemos de tantas fontes que a veces non é sinxelo identificar qué nos aporta (ou de qué nos priva) cada un dos actores que participan na nosa vida. 

Todo comportamento está suxeito a un sistema máis amplo. É dicir, os alumnos con estas e outras dificultades son produto de múltiples variables que actúan sobre a súa persoa e modelan a súa conduta. 

É imprescindible entender que somos consecuencia do que nos rodea. O ambiente é o que nos guía a ser dunha ou doutra forma, a comportarnos seguindo normas invisibles que a veces nen coñecemos. Con isto non quero negar o peso que cada un ten sobre sí mesmo, en nós reside a chave para cambiar e mellorar, pero a veces debido ás complicacións que nos rodean non é sinxelo atopala.

Os nenos e adolescentes están en permanente crecemento. O seu imaxinario e a súa percepción do mundo vai cambiando e evolucionando día a día, desenvolvendo o que nun futuro será a súa mente adulta. 

É necesario caer na conta da importancia das nosas accións sobre os rapaces. As carencias de hoxe, serán mañá problemáticas que repercutirán no ámbito escolar, persoal e social. Non podemos entender o alumno como algo aillado, temos que afondar nas causas do seu comportamento, que van máis alá da súa persoa, para poder entender o problema e poder aportar solucións.  

http://intiyana.blogspot.com.es/

jueves, 14 de noviembre de 2013

O valor do cine

Hoxe vamos falar de Cultura. Existen infinidade de definicións e posturas que fundamentan a importancia e repercusión desta termo.

A Cultura é saber. Son costumes, linguas e sons, imaxes e danzas, son maneiras de facer e de entender o mundo. A cultura defínenos como persoas, individuais pero tamén, e sobre todo, como partes dun todo social que marca o ritmo que nos move a ser como somos.

A Cultura tamén debe ser expresión e difusión. Considero que un dos puntos máis enriquecedores de todo xesto cultural é a posibilidade de compartilo. A cultura non debe ser algo estancado, senón que se ten que empapar do dinamismo dos axentes que a crean e a reconstrúen.

Unha das expresións culturais máis relevantes na actualidade é o cine, pola súa capacidade de emocionarnos e involucrarnos nas historias que nos contan a través das pantallas. Pero creo que é necesaria unha educación que nos constrúa como persoas críticas co que vemos para así poder desfrutar do Cine con maiúsculas.

Unha idea para exercitar esta aptitude é visionar cos nenos e adolescentes películas que atopemos interesantes, divertidas, sorprendentes...

Aquí vos deixo unha relación de catro películas de Hayao Miyazaki creador (director de cine de animación, ilustrador, debuxante, produtor, etc.) xaponés. Escollino xa que as súas obras transmiten valores como o respecto pola natureza, a aventura da amizade, a fortaleza ante as adversidades, o respecto pola cultura, a non discriminación, etc. Emprega a animación como recurso, o que pode axudar a que rapaces de moi diferentes idades se sintan atraídos pola seu máxico universo.

Creo que algunha das películas máis interesantes da súa filmografía para traballar cos rapaces son:

- Mi vecino Totoro: propoñémola para os máis pequenos da casa, que viaxarán cos personaxes atravesando as bonitas fragas que Miyazaki sempre nos agasalla. Unha película moi tenra que reparte positivismo e enerxía a nenos e maiores.


http://kawaiiwallpapers.com/totoro-wallpaper
- Ponyo en el acantilado: deixamos os montes e as árbores para sumerxirnos no mar. Os nenos vivirán a aventura do cambio guiados pola inocencia e a valentía desta "serea" particular.




- El viaje de Chihiro: narra a historia dunha nena que se ve sumerxida nun mundo fantástico, onde se verá obrigada a afrontar as súas responsabilidades e deixar os caprichos a un lado.Creo que é unha película emocionante e dinámica que adentrará ós rapaces nun universo repleto de luz e aventuras.



- La princesa Mononoke: emocionante e intensa, é recomendable para falar de temas como a natureza, a contaminación, o ser humano e os problemas que provoca nos diferentes ecosistemas, o valor da amizade e a loita polas causas que consideramos importantes, etc. É unha película complexa polo que a empregaríamos cos rapaces de maior idade.


http://www.sensacine.com/peliculas/pelicula-73176/fotos/detalle/?cmediafile=18450086

http://cortesdemangas.files.wordpress.com/2011/12/ashitaka3.jpg
http://www.hdwallpapersinn.com/wp-content/uploads/2013/03/Princess-Mononoke-Pictures.jpeg
http://www.animanga2000.net/mononoke/file/wallpaper/mononoke_wallpaper2_6.htm
Ademais de interiorizar valores a través do cine, propoñemos outro exercicio: sempre é interesante compartir a experiencia de ver este tipo de películas, e aproveitaremos a ocasión para coñecer as impresións dos nenos. Que lle gustou máis? Que momento foi o máis emocionante? Que personaxe é o seu favorito? A través destas e outras preguntas estableceremos un diálogo que completará esta actividade, e a dotará de sentido.

Mostrando interese e valorando a súa opinión, animámolos a que se expresen con liberdade e seguridade, aumentando a súa autoestima, perdendo medos e adquirindo estratexias positivas para ir conformando a súa personalidade.

martes, 12 de noviembre de 2013

Catro Euros

Creo que é necesaria unha aclaración.

Aínda non vos contei porqué creei este blog. 

Todo comezou fai uns meses, cando redactei un par de anuncios e os publiquei en varias páxinas especializadas. Era sinxelo. Pedagoga e educadora social imparte clases particulares a rapaces de primaria e ESO. Ata ahí todo ben, estiven uns días sen recibir ningunha resposta cando unha mañá por fin sona o teléfono.

Era un pai, que me explicaba que necesitaba axuda particular para o seu neno. Tiña problemas de lectoescritura e atención. Non podía coa emoción! Qué alegría! Quedei con eles en que esa mesma tarde iría coñecer o rapaz e ver qué materiais estaba empregando na clase. 

Ó cabo dunhas horas volve a sonar o teléfono, e volvía ser o pai de antes. Esta vez o ton era diferente. Xa non importaba tanto os libros que empregara o rapaz nin o nivel de lectura que tivera, estaba despreocupado e na súa voz notaba desprezo. 

- Lo estuvimos pensando y sólo podemos pagar cuatro euros la hora. Estamos los dos en paro.

Paralizoume escoitar esas palabras. Que pensaba? Que eu o teño fácil? Estaba tan asombrada que lle dixen que o chamaba en cinco minutos, que o tiña que pensar. 

Tíveno que pensar. É así de triste. Despois de nove anos estudando, de experiencias profesionais moi diversas, de formarme como persoa e profesional da educación, de aprender valores e actitudes, de non renderme por moitas portas pechadas que atopara...

o meu tempo e traballo valía catro euros.

Sentíame impotente. 

Chamei a dúas compañeiras, que tamén se adican a dar clases particulares. Quedáronse sen aire, rompendo o silencio con expresións como: Incríble!, Imposible!, Indignante!. Non sabía qué facer, sentíame como se me tiraran toda unha piscina de auga conxelada por riba, pero sentínme respaldada polos seus consellos e palabras. Era hora de tomar decisións. 

Volvín a coller o teléfono sen que me deixaran de tremer as pernas, pero cunha voz moi firme. 

- Non vai poder ser (...) Eu tamén estou inchando as listas do paro, pero non podo acceder a cobrar menos da metade do mínimo que se esixe nestes casos (...) Sería unha inxustiza para o resto das familias e para min como profesional. Síntoo moito.

Colguei. 

Respirei. 

Acaso, cando ese pai ou esa nai van á carnicería pídenlle prezo ó carniceiro? Rebáixanlles algo na perruquería? Piden que lles baixen o prezo dalgunha prenda en Zara? Pero, pola contra, ofrecen catro euros a unha persoa para que guíe a educación do seu fillo. 

Eu tomei unha decisión: a de facerme ver, e denunciar este tipo de inxustizas que, por desgraza, enchen o ámbito educativo. Non todo vale. Non todo se acepta. Non me deixo minusvalorar. Non me deixo amedrentar. 

Quédome coas palabras de Ana:

Sara... qué valente!

O Martes e a organización do espazo de estudo.

Qué odiados son os luns. Non me parece xusto porque cada semana nos ofrece unha oportunidade para comezar de novo. Pero deixémolo a un lado que hoxe é martes, e parece que é un día un pouco máis querido.

Hoxe vouvos falar sobre a organización do espazo de estudo. Á hora de levar a cabo o esforzo que supón enfrontarse ós retos académicos, é moi importante pararnos a reflexionar sobre o contexto físico onde se vai desenvolver dita acción.

Non hai normas pechadas. Cada persoa ten que adaptar o lugar ás súas necesidades e posibilidades. Pero hai unha serie de aspectos comúns que deberiamos ter en conta para o bo facer no estudo.

- Din que é recomendable estudar sempre no mesmo sitio. Pero a veces non é posible cumprir esta premisa, polo que tampouco nos debe preocupar. Sempre que teñamos todos os materiais e sexa un espazo no que poidamos traballar: silencioso, cómodo, desprovisto de continuas interrupcións, etc. será suficiente.

- A mesa. Elemento indispensable, aínda que coñecín a persoas que estudaban no sofá ou na cama. Como dixen antes, cada persoa ten que adaptarse ás súas necesidades e preferencias. Pero aquí vamos poñer de base unha mesa. É aconsellable que sexa o suficientemente grande para que poidamos ter todos os materiais que nos fan falta para realizar as nosas tarefas: folios, libros, cadernos, calculadora, etc. e así evitar levantarnos cada vez que notemos algo en falta.

- Tamén é necesario contar cun estante, ou espazo na casa no que poder ter ordenados os nosos materiais. Isto permitiranos non perder o tempo buscando o que necesitamos, xa que o teremos todo sempre no mesmo sitio, e en bo estado.

- A luz é outro elemento importante: Sempre que poidamos estudiaremos con luz natural. Se non é posible faremolo cunha luz xeral (a lus da habitación), e cunha luz máis concreta (un flexo ou lampada). Ésta fonte de luz estará orientada na esquerda si somos diestros e na dereita se somos zurdos (para evitar as sombras).

Estes son os elementos físicos básicos que temos que ter en conta á hora de estudar. Os rapaces teñen que sentirse cómodos no seu lugar de traballo para que a súa concentración sexa a máxima posible. 

É importante tamén ter en conta outros aspectos como:

- O espazo, habitación ten que estar ben osixenado. Nos descansos podemos aproveitar para abrir a ventá e deixar que o aire se renove.

- A postura debe ser a correcta, para evitar dores. Aquí podedes ver cómo nos debemos sentar para estudar.

- É importante evitar, sempre que sexa posible, os ruídos e as distracións como a televisión ou o teléfono móbil. Unha forma interesante de manternos concentrados é evitar este tipo de tecnoloxía nas sesións de estudo. O ideal sería non ter televisión no espazo de estudo, e se non podemos evitalo, estará acesa. O móvil quedarase noutra habitación. E procurade non caer en escusas como que o tedes para mirar a hora... Os reloxos aínda existen!

- Outro punto a ter en conta é o estudo nas bibliotecas. Paréceme interesante e cada alumno ten que comprobar coa súa experiencia os pros e contras deste espazo.

- Por último o estudo en grupo: pode ser moi beneficioso propoñer algunhas sesións para estudar cos compañeiros. Pódenos ser útil para aclarar dúbidas, comparar temas, propoñer exercicios e preguntas, etc. Pero isto nunca substituirá o estudo persoal que cada quen realizará individualmente. 

Tendo en conta todos estes aspectos estaremos preparados para o estudo! E para que vexades un exemplo, quero mostrarvos o meu espazo de traballo: 



Agora, con todo listo, só queda sentarse e comezar! Animádesvos?


sábado, 9 de noviembre de 2013

O porqué de vestir de cebra unha cabra ou como canalizar o Estrés

Nos descansos da fin de semana estiven traballando nisto: 


É unha cabra, bueno... era. Agora é unha cebra.

Os nenos e adolescentes, como os adultos, poden sufrir estrés. A veces non lle damos importancia xa que nos parece que a esas idades todo é sinxelo, pero non é certo. Están sometidos a infinidade de presións dende a escola, a familia, o grupo de amigos... Ademais están nunha etapa na que os cambios se suceden moi rápido e a veces non dispoñen do tempo suficiente para aceptalos. 

E preguntarédesvos o porqué da cabra, perdón... cebra.

Hai moitas maneiras de xestionar o estrés, os nervios e as tensións ós que nos vemos sometidos no día a día. Persoalmente sempre fun moi inqueda, e tento buscar no meu arredor actividades que teñan as miñas mans ocupadas e así me deixen "non pensar" durante un tempo. Cociñar, pintar, calcetar... Ou cambiar a identidade de animais de plástico. 

Os rapaces teñen que aprender a buscar actividades ou tarefas que os liberen e os divirtan. É bo ir probando qué é o que máis lles gusta ou interesa e dende ahí buscar quefaceres para os momentos que teñan libres.

O exemplo da cebra é claro. Que teño pola casa? Que lle pode interesar? Como o podo aproveitar para compartir un momento distendido co rapaz?

E puntualizo outro aspecto: non todo ten que estar PERFECTO: as liñas da cebra son irregulares, non hai un animal igual a outro, e iso posibilita a diferenza e a personalización. 

É preciso ensinarlles con este tipo de actividades (ou manualidades) a importancia de facer as cousas da mellor maneira, ademais de transmitirlles outros valores como o da paciencia (a pintura ten que secar, o barro ten que cocer...), ou a creatividade.

PD: non vos deixedes vencer polas dificultades: se vos fixades podedes ver como á miña cebra se lle rompeu un pouco un corno, pero superamolo!

Artigos de Interese

Internet é un gran recurso que ofrece moita información que nos pode ser de axuda si a xestionamos de forma axeitada. Atopamos algunhas cuestións que podedes entender de utilidade para a organización da educación dos vosos rapaces:

* Cando debo plantexarme levar ó meu fillo a clases particulares?: Aquí.

* Pautas para buscar un profesor de clases particulares: Aquí. 

* Tarifas (aproximadas) desglosadas por materias e especialidades: Aquí. 

* Vantaxes das clases particulares: Aquí. 

Porqué contratar un/unha profesor/a particular?

A decisión de incluír un novo axente educativo na educación dos fillos é moi importante. 

Cada familia ten que sopesar a necesidade dos seus rapaces para acudir á axuda específica e individualizada dun mestre particular. 

Os problemas máis comúns que me atopei cos rapaces que acoden a este servizo adoitan ser os seguintes:

- Dificultades na lectura e escritura/ matemáticas/ inglés

- Falta de concentración á hora de realizar as tarefas académicas

- Malas costumes á hora de estudar (rutinas, espazos, tempos...)

- Apatía do rapaz con respecto a algunha materia

- Problemas para enfrontarse a un novo curso/ profesor/ ciclo educativo

- Sobrecarga de actividades escolares o que ocasiona realizalas dunha maneira inaxeitada

Como xa dixemos anteriormente é común que os profesores non teñan tempo para atender ás necesidades individuais de cada alumno, xa que no seu día a día teñen múltiples tarefas que desempeñar no colexio e na aula. 

Os alumnos teñen particularidades e ritmos de aprendizaxe propios que non sempre coinciden co nivel xeral dos seus compañeiros e polo tanto vanse quedando pouco a pouco atrás.

Dende a miña experiencia, considero que se pode axudar moito a estes rapaces para que acaden o nivel xeral no seu curso a través dun acompañamento persoal nas súas tarefas escolares. Poñamos un exemplo:

Un neno ten dificultades en matemáticas, por exemplo, á hora de aprender a multiplicar. Os problemas que se lle expoñen na aula son alleos e para él incomprensibles. O profesor particular pode cambiar os enunciados deses problemas, crear outros novos con conceptos coñecidos para o rapaz e así, a través de varios exemplos poder chegar á solución deste tipo de contas matemáticas.

A cuestión non é darlles a solución do problema, senón guialo a través de aspectos que coñeza para así interiorizar e comprender a estratexia que se segue á hora de multiplicar.

Vexamos outro caso:

Un rapaz de secundaria é moi bon nas ciencias, non ten dificultades para solucionar os problemas e aprobar os exames. Pola contra á hora de poñerse perante un tema por exemplo, de historia ou de literatura atópase non labirinto que non sabe solventar. Para este alumno sería necesario preparar unhas sesións de técnicas de estudo que lle fagan ver as diferentes maneiras de enfrontarse á interiorización deste tipo de materias. 

É diferente estudar un tema de humanidades (historia, lingua, arte) que solventar as problemáticas das materias técnicas (matemáticas, física, química). O rapaz, coa nosa axuda, aprenderá a ler un texto, sacar as ideas máis importantes, entender a idea principal e estudalo coa axuda de métodos como o subliñado, o resumo e o esquema.

Todos os alumnos teñen potencialidades e aspectos que lles supoñan algunha dificultade. O importante é ver qué necesita e aportarlle ferramentas para superar esas barreiras. 


http://www.photosheaf.com/pin/cfc16ea01cf8634336bd30a63fb81148

viernes, 8 de noviembre de 2013

Organización

A importancia da planificación é un feito incuestionable. Para chegar ós obxectivos que nos marcamos é necesario realizar unha serie de etapas ou pasos que nos dirixan cara onde queremos.

A finalidade das clases particulares é que o rapaz aprobe a materia/ o curso. Para isto é necesario contar cunha serie de recursos que non sempre se adquiren nas aulas. 

Hai rapaces que necesitan un trato máis persoalizado que lle permita chegar ós contidos dunha forma máis pausada co tratamento individualizado que lle pode prestar un profesor particular.

As clases que ofrezo están orientadas a que os alumnos adquiran os coñecementos que máis esforzos lles costa, incidindo en temas como a motivación e a concentración. Emprego o reforzo positivo, un método co que fago entender qué cousas se fan ben. Non só é necesario correxir os fallos, e obcecarnos co que non entendemos, senón partir do que sabemos e valorar os nosos avances. 

O inicio - Xustificación da labor Docente

Adoitase dicir iso de,

"Vamos comezar polo principio"

Pero a veces non é sinxelo.

Relaciono o mundo da educación con un aprecio persoal pola labor dalgúns dos meus profesores. Todos coñecemos esa sensación. As boas prácticas dos mestres repercuten na nosa forma de ser e nos forman como persoas.

Recordo a miña profesora de primaria, que co seu facer tranquilo e paciente nos ensinaba todo o que se gardaba nos libros e moitas outras pezas escollidas con agarimo que construían o noso pequeno universo infantil.

E o meu profesor de ciencias políticas que na axitada etapa de secundaria nos recordaba que o importante é preguntarse o porqué das cousas e afondar na realidade para non confundir lobos con ovellas.

E a de plástica que nos contaba as súas viaxes polo mundo, facendonos soñar con grandes cidades e escenarios novos cheos de oportunidades.

Todos eles me ensinaron a emocionarme co meu traballo, e a realizalo sempre da mellor maneira que sei. Respetando as maneiras de ser das persoas coas que traballo, sentíndome orgullosa dos pasos cara diante que dan e afortunada de que decidan camiñar ó meu carón.

Son das que pensa que unha tarefa tan importante como a educación é necesario deixala en mans de persoas que realmente sintan unha satisfación plena ó realizar a súa labor.

¡ Benvidos !

O meu nome é Sara e son unha recen chegada á vila de Monforte de Lemos. Resúltame un lugar tranquilo e fermoso. Chego aquí de casualidade e moi ilusionada por tódolos retos que o momento que estou a vivir me presenta.


Licencieime en pedagoxía no 2010 e mentres remataba a carreira comecei outra, o grao en educación social. Pensaredes que é unha loucura pero naquel momento todo tiña sentido. Neses nove anos de estudio tamén estiven traballando como monitora de tempo libre e educadora en diferentes cidades e contextos educativos.



E agora, embarcome noutra aventura...



Propóñome dar clases particulares a rapaces!



Todo un reto!



Acompañádesme?