miércoles, 11 de diciembre de 2013

O Nadal e o pau.

Hoxe queremos reflexionar sobre o tema do Nadal.

Recordo que cando era nena era un tempo emocionante, a casa vestíase de vermello e verde, unha gran árbore presidía o salón e o portal de belén ocupaba toda unha parede co musgo e as figuriñas e ata un río que o atravesaba e lle daba un son que o facía único.

Era un momento especial, e todos parecían ter un obxectivo para que todo saíra a pedir de boca. A comida era o centro das festas e desfrutaba do olor da cociña de leña preparando a cena para todos os invitados.  Os regalos inundaban a estancia durante dúas noites. Empachábanos o turrón e pequenos e maiores xogabamos con aqueles obxectos que días antes lle pedíamos a papá Noel e os reis magos a través dunha carta redactada con moito esmero.

Podiámonos deitar máis tarde do que era habitual, e compartíamos momentos que só viviamos nesa época do ano. Recordo os vestidos de fin de ano que viamos nas xeracións de adolescentes da familia, as colonias e pendentes que adornaban unha noite que semellaba máxica. 

Eran momentos no que o mundo parecía deterse e darnos un respiro dunhas semanas antes de volver ó colexio, á rutina. 

Van pasando os anos e todo se ve dunha maneira diferente. A ilusión é substituída polos problemas de non saber qué regalos mercar, ou qué roupa poñer para cada ocasión. Para min segue sendo unha época para compartir tempo cos meus, e poder ver nos máis pequenos da casa un reflexo do que algún día fun e vivín no Nadal.

Pero agora é diferente. Os nenos e nenas están bombardeados a través da televisión e doutros medios, con anuncios e mensaxes continuos. Agora o importante é ter moitos regalos, case sen importar a calidade do tempo que o neno vai desfrutar con ese novo capricho. Rodéaos unha atmosfera de consumo ilimitado e baleiro. 

Qué facer, 

Cómo conseguir que, aínda que sexa unha pequena parte do que foron estas festas, volva a rodear os máis pequenos da casa,

Cómo volver ó esencial.

Na miña opinión os nenos son o que os maiores transmitimos. E non só me  refiro a transmitir de forma verbal "Fai isto" "Non fagas aquelo" senón, e sobre todo, transmitimos o que somos a través das nosas accións e actitudes.

Qué vai pensar un neno que ve cómo os seus familiares se pasan horas e horas dentro dun centro comercial, onde cada momento que pasa van cargando máis e máis bolsas, e acaban arrastrándose pola gran superficie case sen sorriso, cansos de tanta compra sen razón?

E que me dicides dese rapaz que ve cómo se mercan cousas inútiles que se observan o día de abrir os regalos e despois quedan relegados a un caixón? 

Ou aquel que se da conta da cantidade de roupa e zapatos incómodos e complementos que se mercan para unha soa noite e que despois se desprezan ó oco máis escuro dun armario sobrecargado?

Gustaríame volver ó que un día foron estas festas para min, ó que a miña familia me transmitía. A elaborar un rico menú, a adornar a casa con esmero, a colaborar uns con outros, a rirnos xuntos e acender as luces da árbore, atragantarnos coas uvas e levantarse o 1 de xaneiro cun sorriso. Plenos por haber compartido grandes momentos.

Somos o que facemos.

E creo que sería positivo que todos nos pararamos un momento a pensar qué é o realmente importante destas datas. Cómo facer máis sinxelas as cousas e desfrutar das pequenas alegrías de comparir o tempo coas persoas que queres. Reflexionar cómo poderíamos facer que as novas xeracións vivan un Nadal un pouco menos centrados no Ter e un pouco máis no Ser. 


E como non, 

Agora un anuncio, no que podedes ver que a veces os rapaces van ó simple, eliminando adornos e complicacións. Sabedes aquilo de que o neno xoga máis coa caixa do regalo que co xoguete en si? 

Pois o mesmo :)

: : : : : : Felices Festas : : : : : :